A Editorial Galaxia, en colaboración co Club Cultural Valle Inclán e o Círculo das Artes de Lugo, homenaxeará ao seu finado Presidente Benxamín Casal o xoves 17 de xaneiro ás 20 horas no Círculo das Artes de Lugo.
A Fundación Isla Couto da que foi padroeiro Benxamín Casal únese con agarimo a esta homenaxe na que, baixo o lema “A forza da intelixencia”, as institucións devanditas (Club cultural Valle-Inclán, Círculo das Artes de Lugo e Editorial Galaxia) convocan os lugueses e os galegos a un acto de lembranza do intelectual galeguista Benxamín Casal (1935-2013) que se celebrará no Círculo das Artes da capital luguesa o próximo venres, 17 de xaneiro, ás 20 horas.
Abrirán o acto o director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes, e os presidentes e representantes das outras dúas institucións convocantes: Tonina Gay, Felipe Arias, e Jesús López-Domínguez López. A continuación intervirán o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, e o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares Paz. Cerrarán as intervencións Xosé López Orozco, alcalde do Consello de Lugo, e Alberto Núñez Feijoo, presidente da Xunta de Galicia, antes de que tome a palabra Xulián Parga Rodríguez, como amigo persoal de Benxamín, e unha representación da familia.
No acto, que se abrirá cun breve audiovisual fotográfico realizado por Félix Vidal, participará a cantante galego-palestina Najla Shami. De feito, o libro-disco “Na lingua que eu falo”, no que Najla Shami interpreta a Rosalía de Castro, foi o derradeiro libro que viu en vida Benxamín Casal e que acompañou ata o derradeiro momento. A homenaxe cerrarase coa interpretación de “Negra sombra” de Rosalía.
Benxamín Casal, que faleceu o pasado mes de agosto, foi presidente de Editorial Galaxia ata o seu pasamento e participou dende o anos 80 nos consellos de dirección da editora, así como nas súas fundacións: Fundación Penzol, Fundación Otero Pedrayo e Fundación Isla Couto., cun compromiso sempre moi activo. A súa traxectoria cultural estivo dende moi cedo vencellada ao galeguismo e a súa actividade profesional á economía agraria.
En palabras de Ramón Villares, amigo persoal seu, membro do Consello da revista GRIAL e presidente do Consello da Cultura Galega, Benxamín “tiña firmeza nas súas ideas, pero nunca eran tan dogmáticas que acabasen na repulsa das posicións contrarias. Cría no diálogo, tanto no ámbito privado como público e, de acordo co coñecido verso de Pessoa, pensaba que era máis importante navegar que vivir”.
Benxamín Casal era licenciado e doutorado en Enxeñería Agrónoma pola Universidade de Madrid e licenciado en Económicas pola Universidade de Santiago. Foi profesor na Escola de Enxeñería Técnica Agrícola de Lugo e na Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Agrónomos de Lugo. Foi conselleiro de Enerxía e Industria da Xunta preautonómica e deputado no Parlamento de Galicia (1981-1985) como galeguista histórico polo PSdeG. Foi presidente da Editorial Galaxia, así como director da Gran Enciclopedia Galega entre 2003 e o seu falecemento en 2013.