Estatutos

DISPOSICION PRELIMINAR

A Fundación Isla Couto, que foi declarada Fundación Cultural Privada por Orde do 30 de xuño do 1989 e declarada Fundación de Interese Galego por Orde do 1 de xullo do 1989 (DOG nº 152 de 9 de agosto do 1989), ten a ben, de acordo cos seus estatutos en vigor, proceder á modificación dos mesmos para adaptalos á lei 12/2006, do 1 de decembro, de Fundacións de Interese Galego.

TITULO PRIMEIRO: DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1.- Denominación e natureza

Ao abeiro das disposicións legais ás que se acolleu no momento da súa creación, e na actualidade segundo o dereito recoñecido pola Lei de Fundacións de Interese Galego e o seu regulamento de desenvolvemento, coa denominación de Fundación Isla Couto configúrase unha organización de natureza fundacional, de interese galego, constituída sen ánimo de lucro cun patrimonio que se atopa afectado de modo duradeiro á realización dos fins de interese xeral propios da Institución.

Artigo 2.- Personalidade e capacidade

A Fundación, inscrita no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, ten personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar, podendo en consecuencia realizar todos aqueles actos que sexan necesarios para o cumprimento da finalidade para a que foi creada, con suxeición ao establecido no.ordenamento xurídico. En consecuencia poderá adquirir, posuír e allear toda clase.de bens, logo do acordo do órgano competente e de acordo coa lexislación xeral e, en particular, sobre fundacións de interese galego.

Artigo 3.- Réxime

A Fundación Isla Couto rexerase pola Lei de Galicia 12/2006, do 1 de decembro, das Fundacións de Interese Galego, polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de Organización e Funcionamento do Protectorado das Fundacións de Interese galego, en todo ao que non se opoña á lei anterior, e mais pola vontade do Fundador manifestada nestes Estatutos .

Así mesmo, tamén se rexerá polas disposicións que sexan aplicables da Lei 50/ 2002, do 26 de decembro, de fundacións, pola Lei 49/2002, do 23 de decembro de Réxime Fiscal das Entidades sen animo de lucro e dos incentivos fiscais ao mecenado, e polo R.D. 1270/2003, do 10 de outubro, polo que se aproba o regulamento para aplicación do réxime fiscal das entidades sen animo de lucro e dos incentivos fiscais ao mecenado, e demais normativa que sexa de aplicación.

Artigo 4.- Domicilio

A sede principal da Fundación Isla Couto establécese na Rúa da Laxe, nº11, 3ºD, en Vigo. O Padroado poderá promover o cambio de domicilio mediante a oportuna modificación estatutaria de acordo cos requisitos esixidos pola lexislación vixente.

Artigo 5.- Ámbito de actuación

O ámbito territorial da Fundación é a Comunidade Autónoma de Galicia; pero cando así o precise o cumprimento dos seus fins a Fundación poderá desenvolver a súa actividade en calquera outro pais, así coma no ámbito das Comunidades Galegas no exterior, previo o pertinente acordo.

TITULO SEGUNDO: OBXECTO DA FUNDACIÓN

Artigo 6.- Fins

Os fins da Fundación Isla Couto son os seguintes:

  1. A colaboración coa Fundación Penzol, de Vigo, de modo especial na dotación dunha Biblioteca de Ciencias Humanas, de carácter interdisciplinar, ao servizo dos estudiosos da realidade social e histórica de Galicia e da súa problemática actual;
  2. Suscitar conciencia de comunidade no noso País, integradora e universalista, a un tempo; para alentar o estudio e a reflexión en diálogo aberto, plural e anovador; e para animar ou promover traballos, iniciativas e experiencias de acción comunitaria, económica e social, requiridos pola situación de cambio en que vivimos e pola pervivencia de nosa identidade colectiva galega;
  3. A axuda ás tarefas que veñen realizándose na nosa terra, a prol da inculturación dos valores cristiáns na sociedade galega, e singularmente no arraizamento e difusión da liturxia vernácula, e pola encarnación vital e creadora daqueles valores de construción da comunidade en colaboración solidaria con tódolos demais esforzos e ideas humanistas.
  4. A colaboración coas diferentes institucións do País para o mellor desenvolvemento dos seus fins.

Artigo.- 7

O Padroado terá plena liberdade para determinar as actividades da Fundación, tendentes á consecución daqueles obxectivos concretos que, a xuízo de aquel e dentro do cumprimento dos seus fins, sexan os máis adecuados ou convenientes en cada momento.

TITULO TERCEIRO: REGRAS BÁSICAS PARA A APLICACIÓN DOS RECURSOS AO CUMPRIMENTO DOS FINS FUNDACIONAIS E PARA A DETERMINACIÓN DOS BENEFICIARIOS

Artigo 8.- Destino de rendas e ingresos

  1. Á realización dos fins fundacionais deberá ser destinado, polo menos, o setenta por cento das rendas ou calquera outros ingresos netos que, logo da deducción de impostos, obteña a Fundación, debéndose destinar o resto, deducidos os gastos de administración, a incrementar a dotación fundacional, segundo acordo adoptado polo Padroado.
  2. Os gastos de administración non poderán superar a porcentaxe fixada na lexislación vixente.

Artigo 9.- Beneficiarios

Serán beneficiarios das actuacións da Fundación as persoas físicas e xurídicas que reúnan as seguintes condicións:

  1. As persoas físicas ou xurídicas relacionadas co obxecto da Fundación
  2. As persoas que traballen na investigación, reflexión, estudo e difusión de calquera aspecto ligado ás finalidades fundacionais
  3. O público en xeral.

A determinación dos beneficiarios será efectuada polo órgano competente da Fundación con criterios de imparcialidade, obxectividade, transparencia, mérito e non discriminación.

TÍTULO CUARTO: GOBERNO DA FUNDACIÓN

Artigo 10.- Natureza

O goberno, a representación e a administración da Fundación serán asumidos por un órgano de natureza colexiada, que recibirá a denominación de Padroado e cuxos acordos serán adoptados por maioría dos seus membros nos termos establecidos nos presentes estatutos. O Padroado executara as funcións que lle corresponden de acordo co disposto no ordenamento xurídico e nos presentes estatutos.

O Padroado contará para o goberno,a representación e a administración da Fundación cunha Comisión de Goberno, na cal delegará aquelas funcións que, de acordo á lexislación vixente, sexan delegables. Os membros da Comisión de Goberno serán designados polo Padroado.

Para a xestión dos asuntos ordinarios, poderá ser nomeado un Director/ Xerente, así como o persoal técnico e administrativo necesario.

Artigo 11.- ACEPTACIÓN DO CARGO DE MEMBRO DO PADROADO DA FUNDACIÓN

Os membros do Padroado deberán aceptar expresamente o seu cargo. Esta aceptación poderá facerse a través dos medios recollidos no artigo 19 da Lei 12/2006, de 1 de decembro, de Fundacións de Interese Galego.

Artigo 12.- OBRIGAS E RESPONSABILIDADES DOS MEMBROS DO PADROADO DA FUNDACIÓN

Son obrigas dos membros do Padroado facer que se cumpran os fins da Fundación, concorrer ás reunións ás que sexan convocados, desempeñar o cargo coa dilixencia dun representante leal, manter en bo estado de conservación e produción os bens e valores da Fundación e cumprir nas súas actuacións co determinado nas disposicións legais vixentes e nos presentes Estatutos.

Os membros do Padroado responderán solidariamente fronte á Fundación dos danos e perdas que causen por actos contrarios á Lei ou aos Estatutos, ou polos realizados sen a dilixencia coa que deben desempeñar o cargo. Quedarán exentos de responsabilidade aqueles que se opuxeran de acordo coa lexislación vixente.

Artigo 13.- RETRIBUCIÓN DOS MEMBROS DO PADROADO DA FUNDACIÓN

Os membros do Padroado da Fundación exercerán o seu cargo gratuitamente sen que en ningún caso poidan percibir retribucións polo desempeño da súa misión. Sen embargo terán dereito a seren reembolsados dos gastos debidamente xustificados que lles ocasione o desempeño da súa función.

Artigo 14.- CESAMENTO DOS MEMBROS DO PADROADO DA FUNDACIÓN

O cesamento dos membros do Padroado da Fundación producirase nos supostos seguintes:

  1. Por morte ou declaración de falecemento da persoa física, así como por extinción da persoa xurídica que ocupase o cargo, inhabilitación ou incompatibilidade, consonte o previsto na lei.
  2. Por incorrer nalgunha das prohibicións establecidas no artigo 6 do Regulamento de organización e funcionamento das fundacións de interese galego,
  3. Por ter sido condenado por sentencia firme como consecuencia do exercicio da acción fundacional de responsabilidade.
  4. Por deixar de desempeñar o cargo en razón do cal foron designados, sen prexuízo da súa substitución polo novo titular do cargo.
  5. Polo transcurso do prazo, se foron designados por tempo determinado, sen prexuízo da súa reelección.
  6. Por renuncia, a cal será efectiva dende o momento no que sexa notificada formalmente ao Padroado e deberá facerse na forma prevista para a aceptación do cargo.
  7. Por remoción acordada polo Padroado coa maioría á que se refire o artigo 13.3 do Regulamento de fundacións de interese galego, ou polos tribunais a instancia do Padroado.

Artigo 15.- Composición do Padroado

O Padroado estará composto por un número mínimo de tres e un número máximo de vintecinco membros. Unha parte dos compoñentes do mesmo poderá ser nomeada a título persoal, atendendo aos méritos ou á relación que teñan coas finalidades da Fundación, e outra parte en representación de institucións que o Padroado considere. A elección dos membros realizarase por votación, a proposta da Comisión de Goberno.

Artigo 16.- Duración do mandato

Os membros institucionais do Padroado serano de xeito permanente, agás acordo en contrario do maioría dos membros do Padroado. Os representantes persoais das institucións serano en tanto dure a súa condición de representantes, sendo substituídos a proposta da propia institución. Os demais exercerán o seu cargo durante catro anos, podendo ser reelixidos sucesivamente. A substitución destes últimos, cando se produza algunha vacante, será realizada polo propio Padroado, segundo se establece no artigo anterior.

Para a elección debe contarse coa maioría simple dos membros presentes ou representados.

Artigo 17.- Organización do Padroado

O Padroado elixirá entre os seus membros os seguintes cargos:

  1. Un Presidente
  2. Un vicepresidente
  3. Un Secretario
  4. Un Tesoureiro
  5. Os membros da Comisión de Goberno

Artigo 18.- Facultades do Padroado

Correspóndelle ao Padroado da Fundación o goberno, a representación e a administración da mesma, así como a modificación dos presentes Estatutos nos termos establecidos na lexislación vixente.

Artigo 19.- Reunións do Padroado e convocatoria

O Padroado da Fundación reunirase, polo menos, dúas veces ao ano, e cantas veces sexa preciso para a boa marcha da Fundación, ou cando o soliciten dous terzos dos padroeiros. Correspóndelle ao Presidente a convocatoria das reunións do mesmo.

A convocatoria farase chegar a cada un dos membros, polo menos con cinco días de antelación á data da súa celebración, utilizando un medio que permita deixar constancia da súa recepción. Na mesma farase constar o lugar, día e hora de celebración da reunión, acompañándose, así mesmo, a orde do día da mesma.

Non será preciso convocatoria previa cando se encontren presentes todos os membros do Padroado e acorden por unanimidade a celebración da reunión. O cargo de Padroeiro deberá exercerse persoalmente .

Non obstante, nas reunións do Padroado cada membro poderá conferir a representación a calquera dos restantes membros do órgano de goberno, en comunicación escrita dirixida ao Presidente con carácter especial para cada reunión.

Artigo 20.- Forma de deliberar e tomar acordos

As reunións do Padroado da Fundación entenderanse validamente constituídas cando concorran a elas, presentes ou representados na forma indicada no apartado 3 do artigo 6 do Decreto 248/ 1992, do 18 de xuño, polo menos a metade máis un dos seus membros.

Os acordos adoptaranse por maioría absoluta de asistentes e representados, e será dirimente en caso de empate o voto do seu Presidente.

Será necesario o voto favorable das dúas terceiras partes dos asistentes sempre que, ademais, supoña maioría absoluta do número dos seus membros, para a adopción dos acordos en que así se estableza expresamente no Regulamento de Organización e Funcionamento do Protectorado das Fundacións de Interese Galego.

Das reunións do Padroado será redactada polo Secretario a correspondente Acta, que deberá ser subscrita e aprobada por tódolos membros presentes nas mesmas.

Esta transcribirase ao correspondente libro e será asinada polo Secretario co Visto e Prace do Presidente.

Artigo 21.- Obrigas do Padroado.

Na súa actuación o Padroado deberá axustarse ao preceptuado na lexislación vixente e á vontade colectiva manifestada nestes Estatutos.

Correspóndelle ó Padroado cumprir os fins fundacionais e administrar os bens e dereitos que integran o patrimonio da Fundación, mantendo plenamente o rendemento e utilidade dos mesmos.

O Padroado dará información suficiente dos fins e actividades da Fundación para que sexan coñecidos polos seus eventuais beneficiarios e demais interesados.

Artigo 22.- Presidente

Ao Presidente do Padroado correspóndelle exercer a representación legal da Fundación ante toda clase de persoas, convocar as reunións do Padroado da Fundación; presidir, dirixir os debates e, se é do caso, executar os acordos, podendo realizar toda clase de actos e asinar aqueles documentos necesarios a tal fin.

Artigo 23.- Vicepresidente

Corresponderalle ao Vicepresidente realizar as funcións do Presidente no caso de estar vacante o posto, por ausencia ou enfermidade, podendo actuar tamén en representación da Fundación, en todo caso cos límites que sinale o Padroado e de acordo co disposto na lexislación vixente.

Artigo 24.- SECRETARIO

Corresponde ao Secretario:

  1. Auxiliar ao Presidente nas súas funcións.
  2. Levantar acta das reunións do Padroado e certificar todos os actos do mesmo.
  3. Referendar co Presidente os actos e documentos oficiais.
  4. Custodiar e conservar o arquivo do Padroado.
  5. Redactar a memoria anual das actividades do Padroado que se lle enviará ao  Protectorado.
  6. Todas aquelas outras que lle encomende o Sr.Presidente.

Artigo 25.- TESOUREIRO

Corresponde ao Tesoureiro:

  1. Custodiar os fondos sociais e pagar os libramentos que expida o Presidente.
  2. Conservar os xustificantes das entradas e saídas do numerario, e render conta anual dos cobros e dos pagamentos.
  3. Levar e custodiar o inventario, balance dos bens e dereitos que forman o patrimonio da Fundación.
  4. E aquelas outras que lle encomende o Presidente.

TÍTULO QUINTO: ÓRGANOS DE XESTIÓN

CAPÍTULO I. DA COMISION DE GOBERNO

Artigo 26.- Composición

A Comisión de Goberno é o órgano ordinario de goberno da Fundación, estará formada polo Presidente do Padroado, Vicepresidente, Secretario do mesmo, Tesoureiro e un número de vogais, todos eles padroeiros, elixidos polo Presidente e designados polo Padroado.

Artigo 27 .- Do exercicio e duración do cargo

  1. O exercicio do cargo de membro da Comisión de Goberno comezará cando a persoa designada acepte expresamente o cargo. A aceptación deberá ser expresa e efectuarse no prazo de 30 días a contar desde o seguinte á notificación fidedigna do nomeamento, pasados os cales sen que o mesmo fose aceptado, procederase a nomear a outra persoa.
  2. Os membros da Comisión de Goberno cesaran nas súas funcións no momento do cese do Presidente.

Artigo 28 .- Delegación de facultades

Son atribucións da Comisión de Goberno, por delegación do Padroado, entre outras, as de:

  1. Aceptar, no seu caso, as doazóns, incluso as de carácter modal, e aceptar ou repudiar herdanzas e legados, sempre a beneficio de inventario.
  2. Cobrar e percibir, rendas, froitos, dividendos, xuros e utilidades ou calquera outro beneficio ou ingreso dos bens fundacionais.
  3. Elaborar os planos de xestión e os programas periódicos de actuación da Fundación e executar calquera acto que sexa necesario para o seu cumprimento.
  4. Interpretar estes Estatutos, desenvolvendo os mesmos a través da oportuna normativa complementaria.
  5. Propoñer ao Padroado a modificación destes Estatutos, así como a fusión ou extinción da Fundación, sempre que sexa conveniente aos seus intereses para un mellor logro dos seus fins.
  6. Propoñer a distribución e aplicación dos fondos dispoñibles entre as finalidades da Fundación.
  7. Propoñer un Director/Xerente, oído o Presidente da Fundación, fixando as súas atribucións e facultades.
  8. Preparar os acordos do Padroado, propoñendo os orzamentos, liquidacións, balances, contas, memorias e calquera outro documento que precise a aprobación do Padroado.
  9. Calquera outra que sexa delegada polo Padroado.

Artigo 29.- CONVOCATORIA E REUNIÓNS DA COMISIÓN DE GOBERNO

  1. A Comisión de Goberno reunirase cantas veces o estime necesario o Presidente ou o soliciten tres dos seus membros.
  2. Corresponde ao Presidente convocar as reunións da Comisión. Para que a convocatoria produza efecto realizarase por escrito fidedigno de xeito individual e con, polo menos, cinco días de antelación ao da súa celebración. O prazo de convocatoria poderá acurtarse a dous días por razóns de urxencia, apreciadas discrecionalmente polo Presidente. Na convocatoria farase constar, día, Orde do Día, lugar e hora de celebración da reunión. De todo o actuado levantarase Acta que, asinada polo Secretario, co Visto e Prace do Presidente, se gardará no libro correspondente.

Artigo 30.- Quórum de constitución e toma da acordos

  1. A Comisión de Goberno entenderase validamente constituída, cando concorran, presentes ou representados, a metade máis un dos seus membros.
  2. Os acordos adoptaranse por maioría absoluta dos asistentes. No caso de empate o voto do Presidente ou persoa en quen delegue, será dirimente.

Artigo 31.- Obrigas e responsabilidades dos membros da Comisión de Goberno

  1. Son obrigas dos membros da Comisión de Goberno:
    1. Procurar o cumprimento dos fins da Fundación.
    2. Asistir ás reunións para as que sexan convocados.
    3. Desempeñar o cargo coa dilixencia dun representante leal.
    4. Aterse nas súas actuacións ao establecido nas disposicións legais vixentes e nos presentes Estatutos.
  2. Os membros da Comisión de Goberno, como membros do Padroado, terán as responsabilidades que figuran no artigo “Obrigas e responsabilidades dos Patróns”.

CAPÍTULO II: DO DIRECTOR/XERENTE DA FUNDACIÓN

Artigo 32.- O Director/Xerente

O Director/Xerente será o máximo responsable da Fundación na xestión cotiá das actividades fundacionais. Para a realización das súas tarefas, será dotado dun poder xeral ou dos poderes especiais que o Padroado estime oportunos. Será nomeado polo Padroado, a proposición do Presidente, coa aceptación maioritaria da Comisión de Goberno.

O Director/Xerente poderá ser convocado pola Comisión de Goberno, ás súas reunións ou ás do Padroado , con voz pero sen voto.

As funcións do Director/Xerente serán aquelas que no seu momento lle asigne a Comisión de Goberno.

OUTROS ÓRGANOS DE APOIO E ENTIDADES COLABORADORAS.

Artigo 33.- Entidades colaboradoras.

  1. Reunirán a condición de Entidades Colaboradoras aquelas persoas físicas ou xurídicas que, mediante achegamentos materiais ou colaboracións persoais, contribúan á consecución do obxecto fundacional e sexan designadas como tal polo Padroado en función dos seus achegamentos.
  2. As entidades colaboradoras terán os seguintes dereitos:
    1. Recibir información dos labores realizados pola Fundación, agás naqueles casos en que interfiran cos requisitos de confidencialidade inherentes e necesarios en cada asunto.
    2. Propoñer novas liñas de actividades e servizos ao Padroado.
    3. Utilizar calquera servizo prestado pola Fundación.

Artigo 34.- Cesamento como entidade colaboradora

O cese como entidade colaboradora da Fundación implicará a perda de todos os dereitos inherentes a tal condición e producirase cando concorra algunha das seguintes causas:

  1. Por falta de pagamento dos achegamentos establecidos polo Padroado, despois de ter sido reclamados por escrito.
  2. Por acordo do Padroado cando se producisen, polo membro en cuestión, faltas contra os intereses da Fundación.
  3. Por cesamento voluntario dalgunha entidade cun prazo de aviso de dous meses á data solicitada de cesamento.

O Padroado establecerá unha regulamentación propia para estas Entidades Colaboradoras .

TITULO SEXTO: REXIME ECONÓMICO

Artigo 35.- Patrimonio Fundacional e réxime económico

O patrimonio da Fundación está integrado polos activos netos recoñecidos na presentación das contas da Fundación ao Padroado a data de 23 de decembro de 2008, cun valor dos fondos propios de 1.349.123,78 euros, a data de 31 de decembro de 2007.

Os bens que son susceptibles de inscrición, que non estean xa inscritos, inscribiranse nos rexistros correspondentes.

Os fondos económicos deberán depositarse ao seu nome en establecementos financeiros.

Os recursos económicos de que poida dispor a Fundación procederán de:

  1. Xestión de propiedades mobles e inmobles da Fundación.
  2. Donativos, legados e subvencións.
  3. Da venda de publicacións que edite ou distribúa a Fundación.
  4. Das cantidades que se puidesen ingresar por actividades e servizos directamente prestadas por ela aos seus beneficiarios na forma e cos requisitos establecidos no artigo 21.2 do Regulamento de Organización e Funcionamento do Protectorado das Fundacións de Interese Galego.

Artigo 36.- Réxime Financeiro

Na xestión económico-financeira, a Fundación rexerase de acordo cos principios e criterios xerais determinados na normativa vixente e levará aqueles libros que sexan convenientes para o desenvolvemento das súas actividades, así como para o axeitado control da súa contabilidade. En todo caso será necesario levar os seguintes libros:

  1. Inventario – balance
  2. Memoria
  3. Orzamentos e a súa liquidación
  4. Libro diario
  5. Libro de actas

Artigo 37.- ORZAMENTO E ESTADO DE CONTAS

O Padroado confeccionará antes do remate do ano natural, o orzamento correspondente ao ano seguinte, que deberá ser remitido á Consellería que exerza as funcións de Protectorado.

Ademais, o Padroado formulará anualmente, no mes de xaneiro, un estado das contas de ingresos e gastos, remitindo seguidamente á Consellería que exerza as funcións de Protectorado, xunto coa memoria anual, un exemplar do inventario – balance.

Os gastos de administración non poderán superar a porcentaxe fixada na lexislación vixente.

TITULO SEXTO: DA MODIFICACION, AGREGACION OU EXTINCION

Artigo 38.- MODIFICACIÓN DOS ESTATUTOS E DISOLUCIÓN DA FUNDACIÓN

A modificación dos presentes estatutos e a disolución da Fundación non poderá acordarse sen a reunión do Padroado, convocado expresamente para tal obxecto en Xunta Extraordinaria con dous meses de antelación. Tanto unha como outra deberán inscribirse no Rexistro de fundacións de Interese Galego.

A modificación dos estatutos esixirá o cumprimento dos requisitos do artigo 38 do Regulamento de organización e funcionamento das fundacións de Interese Galego e deberá ser aprobada pola consellería que exerza as funcións de Protectorado.

Artigo 39.- Fusión con outra Fundación

O Padroado poderá propor a fusión da Fundación con outra, previo acordo concertado para o efecto con esta última.

O acordo de fusión esixirá o cumprimento dos requisitos establecidos no art. 38.2 do Regulamento de Organización e Funcionamento do Protectorado das Fundacións de Interese Galego.

Artigo 40.- Disolución e extinción da Fundación

A disolución da Fundación procederá nos supostos previstos no artigo 39 do Código Civil ou nos casos recollidos no artigo 38 do Regulamento de funcionamento do Protectorado das fundacións de interese galego.

Artigo 41.- Liquidación e adxudicación do Patrimonio

Acordada a disolución da Fundación, todos os seus bens e dereitos pasarán á Fundación Penzol e, no caso de que esta os rexeitase, pasarán á Editorial Galaxia Sociedade Anónima, sempre de acordo co ordenado na Lexislación vixente.

CLÁUSULA ADICIONAL

En todo caso, o previsto nos presentes Estatutos non implica limitación ou substitución nas competencias que ao Protectorado atribúelle a lexislación vixente, moi especialmente en relación coas autorizacións ou limitacións ás que a Fundación expresamente se somete.

DISPOSICIÓN TRANSITORIA

Nun prazo non superior a oito meses de aprobados estes Estatutos, procederase a renovar o mandato dos padroeiros a titulo persoal, así como a elección de Presidente , Secretario e Membros da Comisión de Goberno.

Esta renovación farase anualmente e por metades dos membros do Padroado.