Fundación Isla Couto

Somos unha fundación cultural privada de interese galego que ten por obxectivo manter viva a memoria do labor da familia Isla Couto a prol do desenvolvemento social, económico e cultural de Galicia.
A Fundación nace coa vontade de contribuír a “repensar Galicia, proxectar Galicia, facer Galicia” desde a afirmación da súa personalidade cultural e política mais desde a plena conciencia de que “Galicia é, foi e será obra de todos os galegos”, en verbas de Xaime Isla Couto. Con este motivo a Fundación ten por obxectivo a través das súas actividades:
1. Servir de apoio e estímulo para o desenvolvemento social e cultural da sociedade galega.
2. Estimular unha sociedade civil galega participativa e crítica.
3. Actuar como unha plataforma para o debate e a xeración de coñecemento respecto da realidade galega.
4. Servir como lugar de encontro e foro de debate para todos aqueles que se atopan comprometidos no labor de construír unha comunidade máis autónoma e participativa desde unha perspectiva humanista cristiá.

Historia e misión

O 31 de decembro de 1987 Xaime Isla Couto, Cristina Novoa Pereira, Manuel Isla Couto e Celso Isla Couto constitúen a Fundación Isla Couto animados pola lembranza do seu finado irmán e cuñado Ramiro Isla Couto (1896-1987). Os seus anceios fundacionais inspiráronse nas que foran as angueiras básicas da vida de Ramiro Isla: o servizo a Galicia e o compromiso persoal coa recuperación da personalidade nacional e cultural galega.

O 30 de xuño de 1989 a Fundación Isla Couto é declarada e recoñecida pola Xunta de Galicia como fundación cultural privada e sen ánimo de lucro. O 1 de xullo de 1989 a Xunta de Galicia declara fundación de interese galego á Fundación Isla Couto (DOG nº 152 de 9 de agosto do 1989).

A Fundación establece os seguintes obxectivos como misión:

1. Colaborar coa Fundación Penzol, especialmente na dotación dunha biblioteca de ciencias humanas, de carácter interdisciplinar, ao servizo dos estudosos da realidade social e histórica de Galicia.

2. A creación dun Instituto Galego de Estudos Comunitarios (IGESCO) que sirva para suscitar a conciencia de comunidade no noso pais.

3. Axudar nas tarefas a prol da inculturación dos valores cristiáns na sociedade galega e, singularmente, no arraizamento e difusión da liturxia vernácula.