Cristina Nóvoa Pedreira naceu en Vigo o 5 de marzo de 1922. Foi a terceira de catro irmáns. Os seus pais foron Francisco Nóvoa Patiño, natural de Pontevedra e vencellado ao Marquesado de Patiño, e María del Carmen Pedreira Lamaza, natural de Santiago de Compostela.
No ano 1928 a familia trasládase a vivir a Pontevedra. O seu pai, de ideoloxía republicana, foi detido no ano 1936 e confinado na casa durante dous anos. A súa nai trasládase a Santiago de Compostela á casa dos seus pais coas dúas fillas maiores e será onde Cristina estude o bacharelato no Instituto de Santiago de Compostela. No ano 1940 comeza os seus estudos de Filosofía e Letras, sección de Historia, na Universidade de Santiago de Compostela, aínda que posteriormente pediría o traslado do expediente á Universidade de Madrid para rematar a carreira por ensinanza non oficial.
No ano 1947 casa con Xaime Isla Couto. Compañeira de Xaime, sempre ao seu lado apoiándoo, participa activamente no traballo administrativo dos primeiros anos da Editorial Galaxia.
Cristina sempre di que foi na casiña que tiñan en Raxo, de nome “Illa Nova” como a colección literaria de Galaxia, onde aprendeu o galeguismo da man de Xaime, nos primeiros anos do matrimonio.
Cristina finou en Vigo o 16 de xuño de 2014 aos 92 anos de idade.