Ramiro Isla Couto

 

Ramiro Isla polo seu irmán Xaime Isla

Ramiro Isla polo seu irmán Xaime Isla

Naceu en Arnois, no concello pontevedrés da Estrada, o 8 de marzo de 1896. Con quince anos, e logo de vivir en Cambados, Vilagarcía e Santiago de Compostela por mor do traballo do seu pai Fidel Isla como gardacivil, tivo que interromper os seus estudos para emigrar a Bos Aires, onde continuaría a súa formación na Escola de Comercio, ao tempo que traballaba cun tío seu. Nestes tempos tamén navegou como mariño mercante, chegando a acadar o título de piloto, profesión que abandona pola preocupación da súa nai, Manuela Couto.

En 1916 pasou a formar parte da dirección da Asociación Cultural Gallega Terra, correspondente na emigración das Irmandades da Fala, onde tivo como compañeiro a Rodolfo Prada. Ao ano seguinte volvía a Galicia para cumprir co servizo militar e, logo de participar na guerra con Marrocos, estivo á fronte dun pequeno estaleiro en Ferrol, propiedade dos Deza, unha Casa Banca de Santiago. Desta experiencia consérvase inédito o seu proxecto dun prototipo de barco de pesca, con deseños, planos e unha memoria redactada en galego.

Ramiro Isla Couto

Ramiro Isla Couto

Neste anos contactou con Lois Porteiro Garea en Santiago de Compostela e en Ferrol coa editorial Céltiga, de Xaime Quintanilla e Ramón Villar Ponte, vinculándose definitivamente ó galeguismo na Irmandade Nazonalista Galega (ING), onde coñeceu, entre outros, a Vicente Risco, Castelao, Florentino L. Cuevillas e Antón Villar Ponte. Asistiu a tódalas asembleas da organización que tiveron lugar con anterioridade a 1923, ano no que volveu de novo á Arxentina, coa encomenda de Risco de organizar as delegacións da ING nese país e no Uruguai.

De volta en Bos Aires creou a revista Terra. Idearium da ING n’América do Sul, unha versión de Nós, da que foi director literario Eduardo Blanco Amor e traballou na creación da Casa de Galicia de Bos Aires. Colaborou tamén na revista Céltiga coa sección “Idearium galeguista”, no xornal A Fouce, con artigos e algún gravado en linóleo, e na fundación da Sociedade Nazonalista Pondal. Entre 1923 e 1931 viviu unha etapa de dedicación plena á promoción e apoio de cantas iniciativas serviran para integrar aos emigrantes nas ideas galeguistas e doutras como o apoio ao Seminario de Estudos Galegos, coa achega dunha valiosa axuda económica, e mais á Institución Protectora do Libro Galego. Naqueles anos mantivo unha estreita relación co poeta Manuel Antonio, que visitara a Arxentina como mariño mercante.

A finais de 1931 regresa a Galicia coa súa dona Chita Lamas e asiste á asemblea constitutiva do Partido Galeguista, formando parte do seu primeiro consello nacional como conselleiro delegado en representación dos emigrantes. Ademais, formou parte da Xunta Directiva do Partido Galeguista en Vigo e colaborou activamente nos labores de propaganda nas diferentes eleccións así como na campaña do referendo do Estatuto de Galicia de xuño de 1936.

Tralo golpe de estado de xullo de 1936 e logo de que o detivesen en Verín e o levasen a Vigo, conseguiu fuxir a Portugal e máis tarde a Francia. Dende alí prestaría servizos á República ata o final da Guerra Civil e, como delegado das Sociedades Hispanas Confederadas organizaría a saída para América de moitos galegos que estaban en campos de concentración franceses.

Despois de pasar por Cuba estivo en México, onde con outros galegos, entre eles o pintor Arturo Souto, o poeta Florencia Delgado Gurriarán e o cineasta Carlos Velo, fundaría o grupo Saudade e a revista do mesmo nome. Máis tarde estivo tamén en Colombia, Venezuela e outros países americanos, por mor do seu posto nos laboratorios Roche, onde concidiu con Luis Tobío, que tamén traballaba para esta firma suíza. Estas viaxes continuas permitíronlle manter o contacto cos galeguistas na emigración, así como con vascos e cataláns, cos que constituiría en Colombia unha delegación de Galeuzca. Neste mesmo país foi representante do Consello de Galiza. Antes de volver definitivamente a Galicia en 1957 estivo tamén en Venezuela, onde participou en diversas actividades culturais e organizativas, como a creación da Casa de Galicia de Caracas e estableceu contacto con outros compatriotas emigrados, como Xosé Velo, Silvio Santiago García e José Domínguez Benavides.

Dende o seu retorno e ata o seu falecemento, o 5 de decembro de 1987 en Vigo, Ramiro Isla Couto continuou o seu labor cultural e político na Fundación Penzol, á que lle fixo valiosas achegas bibliográficas. O 28 de xuño de 1986 recibiu a Medalla Castelao nun solemne acto en conmemoración do cincuenta aniversario da aprobación en referendo do primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia no 1936.

Consello Ed. Galaxia ca. 1960

Consello da Editorial Galaxia ca. 1960