Xaime Isla Couto

Xaime Isla por Xurxo Lobato

Xaime Isla por Xurxo Lobato

Nado en Santiago o 23 de outubro do 1915, residiu en Vigo dende o 1923, residencia que alternou coa localidade de Raxó (Poio), na Ría de Pontevedra. No ano 1947 casou con Cristina Novoa Pedreira.

Xa desde neno foi decisivo para el o maxisterio do seu irmán Ramiro, emigrado con 15 anos á Arxentina e pioneiro do galeguismo nese país. Nos primeiros anos de Bacharelato organizou unha Asociación Escolar de Iniciación Cultural que enviou a súa adhesión á Asamblea das Irmandades da Fala, celebrada na Coruña en abril de 1930 e á homenaxe a Otero Pedrayo en Ourense de xuño dese mesmo ano.

Ultreyas na Misión Biolóxica 1932

Ultreyas na Misión Biolóxica 1932

O 14 de abril de 1931, proclamou a República no Instituto de Vigo, varias horas antes de producirse este feito en Madrid. Con anterioridade participou na creación do Grupo Autonomista Galego de Vigo, unha das organizacións políticas promotoras do Partido Galeguista e patrocinadora da candidatura triunfante de Castelao ás Cortes Constituíntes. Foi fundador da Mocedade Galeguista de Vigo (1932), da Federación de Mocedades Galeguistas (1934) e da Unión Galega de Estudiantes (1936). Ao tempo, organizou os agrupamentos Ultreya en Vigo e foi alumno bolseiro do Seminario de Estudios Galegos nas campañas de investigación de 1935 no Deza e de xullo de 1936 en Fisterra.

Durante a Guerra Civil acompañou moitos seráns aos mártires do bou Eva, entre eles aos curmáns de Castelao, Pepe e Manolo, acochados nun piso baleiro do seu irmán Ramiro en Vigo. Tras unha tentativa fallida de fuxida a Portugal que rematou coa detención e encarceramento do seu irmán Ramiro en Verín, estivo acochado na escola da súa irmá Blanca en O Casal (O Porriño). Tralo chamamento a filas, incorporouse ao Exército Nacional como brigada de complemento no 11º Rexemento Lixeiro de Artillería de Pontevedra, participando nas campañas de Teruel e Madrid canda o final da Guerra Civil.

Xeira do Deza Seminario Estudos Galegos 1935

Xeira do Deza Seminario Estudos Galegos 1935

Trala Guerra Civil tivo a responsabilidade da secretarío técnica do Partido Galeguista na clandestinidade dese o ano 1943. Impulsou e ideou a fundación da Editorial Galaxia no ano1950, empresa da que foi conselleiro-delegado desde a súa creación e posteriormente presidente e presidente de honra. Dentro do seu carácter proxectista e emprendedor debemos incluír a creación da editora SEPT no 1965 e do primeiro Partido Popular Galego (1976) que concorreu ás eleccións xerais do 1977. Dentro da súa militancia cristiá foi presidente da Comunidade de Vida Cristiá Nosa Señora da Guía-Santiago Apóstolo que fundara o Padre Seixas así como tamén da Comisión Diocesana de Xustiza e Paz de Tui-Vigo.

Fixo estudios de Maxisterio entre 1933 e 1936 polo Plan Profesional da República, sendo depurado polo súa afiliación galeguista. Simultaneou estes estudos cos de Dereito, que remata no 1940. Nos anos 60 realiza estudos de Económicas e nos anos 90 de Teoloxía.
Profesionalmente, Xaime Isla combinou a docencia universitaria co exercicio da avogacía. Foi Catedrático de Dereito e Economía da Empresa na Escola de Peritos Industriais de Vigo, profesor no Colexio Universitario de Vigo e na Universidade de Santiago. Ademais, traballou como letrado asesor de Caixavigo, do grupo Zeltia, Corporación Noroeste e outras empresas e gremios económicos, como o conserveiro e madeireiro.

Fundador e director da Revista de Economía de Galicia (1958-1968), dirixiu tamén a Revista Galega de Estudios Agrarios (1979). Como resultado deste intenso compromiso persoal foi recoñecido co Memorial Joan XXIII (1986), coa Medalla Castelao (1987), o Premio Trasalba (1992) e a insignia de ouro da Universidade de Santiago de Compostela (2001). No ano 1999 leu o seu discurso de ingreso como académico numerario da Real Academia Galega. No 1999 foi nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo e acadou outros nomeamentos honoríficos como: presidente honorario da Asociación de Investigación Metalúrxica do Noroeste (AIMEN); socio de honra do Ilustre Colexio de Economistas de Pontevedra e do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais e presidente da Fundación Fernández Flórez. No ano 1992 celebrouse no Concello de Poio a primeira edición do concurso literario Xaime Illa Couto de poesía e relato curto co gallo do Día das Letras Galegas e en agosto de 2010 foi inaugurado en Raxó (Poio) o centro cultural Xaime Illa Couto.

Nun escrito persoal de Xaime Isla, este salienta entre as súas afeccións a paixón pola lectura, a conversa, o debuxo –especialmente o retrato e a caricatura-, e a música. Cando novo practicou con entusiasmo o teatro, as caminatas coa agrupación Ultreia, o fútbol e o tenis. Neste amor polo deporte podemos engadir o seu labor como introdutor do baloncesto en Vigo nos anos 30.