Ramiro e Xaime Isla Couto desenvolveron unha ampla actividade política vencellados ao galeguismo nacionalista, tanto na Terra como na emigración americana.
No caso de Ramiro Isla, a súa conciencia galeguista agroma trala súa incorporación á Asociación Cultural Gallega Terra en Bos Aires no ano 1917, sociedade correspondente das Irmandades da Fala en Arxentina. Mais será trala súa estadía en Galicia entre 1918-1922 cando entre en contacto directo co grupo de Ferrol das Irmandades da Fala que crea a editorial Céltiga, onde sobrancean Ramón Villar Ponte ou Xaime Quintanilla. Ademais, tamén mantivo relación con Luis Porteiro Garea antes do seu falecemento no 1918. No ano 1922 vincúlase ao nacionalismo da man de Vicente Risco na Irmandade Nazonalista Galega (ING), onde coñeceu entre outros a Castelao, Cuevillas ou Antón Villar Ponte. En Nadal do 1922 e ante o seu regreso a Arxentina, recibiu a encomenda de Risco de organizar as delegacións da ING en Arxentina e Uruguai.
Entre 1923 e 1931, Ramiro Isla converteuse nun dos principais activos do nacionalismo galego en Arxentina, tendo ao seu cargo un intenso traballo de propaganda nacionalista, de proselitismo entre a comunidade galega emigrada e de activismo cultural a través do emprego público do galego en actos políticos e nas publicacións da emigración. Nesta liña de traballo, foi director de Terra. Idearium da ING n’América do Sul, primeira revista escrita integramente en galego en Bos Aires e na que V. Risco exporá as bases doutrinais da ING (estratexia autonomista, primado da cultura, purismo nacionalista alleo ás divisións dereita/esquerdas). Tralo esfarelamento da ING, continuou con este traballo propangandista a través da sección “Idearium Galeguista” na revista Céltiga entre 1925 e 1926 e na Sociedade Nazonalista Pondal desde as páxinas do seu xornal A Fouce a partir de 1930 e deica o seu regreso a Galicia no Nadal do 1931.
Nos oito anos de traballo activo pola causa do galeguismo en Arxentina colaborou cos irmáns nacionalistas E. Blanco Amor, Eliseo Pulpeiro, Fuco Lamas, Lino Pérez, A. Zapata, R. Suárez Picallo, Alonso Ríos e outros na promoción de Galicia como nación, dos valores literarios galegos e da lingua e da historia de Galicia.
No Nadal do 1931 participa na asemblea fundacional do Partido Galeguista, formando parte do seu Consello Nacional como conselleiro delegado en representación dos emigrantes. Tamén formará parte da Xunta Directiva do Partido Galeguista en Vigo e colabora activamente nas actividades de propaganda política do partido e na campaña a prol do Estatuto de Galicia en xuño de 1936.
Durante a Guerra Civil, no 1937 foxe a Portugal e a París, onde actuará como representante do Partido Galeguista e das Sociedades Hispanas Confederadas coa misión de facilitar a saída a América do Sur dos exiliados galegos en campos de concentración franceses. No 1939 chega a México onde participa na organización política dos galeguistas exiliados dentro da Alianza Nazonal Galega. No ano 1945 vive en Bogotá (Colombia) representando ao Consello de Galiza e nos anos 50 constituirá unha delegación de Galeuzca en Colombia. Tralo o seu regreso a Galicia no 1957, Ramiro Isla participará no labor político do galeguismo a través da Fundación Penzol e no 1980 figura como un dos asinantes do manifesto de Realidade Galega.
Influído polo exemplo do seu irmán, co que mantiña unha relación epistolar desde os nove anos, Xaime Isla vincúlase desde moi novo ao galeguismo. Desde a Asociación Escolar de Iniciación Cultural adhírese xunto con outros compañeiros do Instituto de Vigo á asemblea das Irmandades da Fala de abril do 1930 e cunha carta de adhesión á homenaxe a Otero Pedrayo de xuño do mesmo ano. Tamén participa na creación do Grupo Autonomista Galego liderado por V. Paz-Andrade. Durante a II República, Xaime Isla é membro do Partido Galeguista e ten un protagonismo chave na creación e dinamización organizativa da Federación de Mocedades Galeguistas, da que será nomeado secretario de organización trala primeira asemblea da Federación en Ourense en xaneiro de 1934.
Xuntamente coa creación da Mocedade Galeguista de Vigo no 1932, Xaime Isla formará parte dos Ultreya, agrupamentos de educación patriótica da mocidade creados por Álvaro de las Casas. Nunha das xeiras dos Ultreyas na Semana Santa de 1932 na Misión Biolóxica de Pontevedra, Xaime Isla descubrirá a problemática económica e social de Galicia vencellada á cuestión política.
Xunto co seu traballo na Federación de Mocedades Galeguistas, Xaime Isla colabora co labor propagandístico do Partido Galeguista, en especial durante a campaña a prol do Estatuto de Autonomía de xuño de 1936. Trala Guerra Civil, é nomeado secretario técnico do Partido Galeguista na clandestinidade no ano 1943, tendo ao seu cargo o labor de difusión do proxecto de reconstitución do Partido Galeguista entre outros persoeiros e simpatizantes galeguistas.
Durante a transición democrática funda e preside o Partido Popular Galego en xullo de 1976 como resultado da alianza entre Unión Democrática de Galicia liderada por Xaime Isla e a Esquerda Democrática Galega liderada por Fernando García Agudín e vencellada á Esquerda Democrática de J. Ruiz-Giménez. Participou nas actividades do Equipo Demócrata Cristiá do Estado Español, sen integrarse no mesmo. Concorreu ás eleccións xerais de 1977 en coalición co Partido Galego Social Demócrata de Francisco Fernández del Riego, Alfonso Zulueta de Haz e Xosé Luis Fontenla. Tras o fracaso electoral, onde conseguiron 23.000 votos en toda Galicia, e unha serie de tensións internas, o partido desaparece no 1979, incorporándose parte dos seus militantes ben ao Partido Galeguista ben á UCD. Xaime Isla abandona a política de partidos e promove a constitución do grupo de intelectuais Realidade Galega, apoiando o proceso autonómico e esixindo un Estatuto de Autonomía digno para Galicia.