Instituto Galego de Estudos Comunitarios

Logotipo do IgescoBaixo o patrocinio da Fundación Isla Couto e para dar cumprimento ao seu obxectivo fundacional constitúese o Instituto Galego de Estudos Comunitarios (IGESCO) que ten como finalidades as seguintes:

 

  1. Servir de apoio e estímulo para o desenvolvemento social e cultural da sociedade galega e estimular unha sociedade civil participativa e crítica.
  2. Actuar coma unha plataforma informativa, formativa e promocional do desenvolvemento local e comunitario desde unha perspectiva social ideoloxicamente independente e comprometida coa realidade galega.
  3. Achegar ao ámbito da acción social e cultural un instrumento de apoio co obxectivo de acadar un maior rigor e un coñecemento das posibilidades e medios institucionais públicos e privados dispoñibles para a súa potenciación.
  4. Servir como lugar de encontro e foro de debate para todos aqueles que se atopen comprometidos no labor de construír unha comunidade máis autónoma e participativa.

Historia e actividades

Creado no ano 1987, Xaime Isla concibiu o IGESCO como unha institución “que sirva para alentar a conciencia de comunidade do noso País, integradora e universalista a un tempo; para animar o estudio e a reflexión en diálogo aberto, plural e anovador; e para promover traballos, iniciativas e experiencias de acción comunitaria e social, requiridos pola situación de cambio na que vivimos e pola pervivencia da nosa identidade colectiva galega”.

O IGESCO estivo dirixido polo sociólogo Xan Bouzada até o seu pasamento no ano 2008. Entre 1987 e 2005 organizou cursos e seminarios sobre desenvolvemento comunitario local, ética empresarial ou dinamización lingüística. Ao tempo financiou investigacións sobre o movemento asociativo veciñal en Vigo.

Organización

Os órganos de goberno, xestión e deliberación do Instituto son:

  1. Consello Reitor. Fórmano o Presidente do Padroado da Fundación Isla Couto e tres persoas designadas por este. Un director, un secretario e un coordinador de áreas e servizos designados polo propio Consello a proposta do director.
  2. A Comisión Directiva (ou Comité Executivo), formada polos anteriormente citados.
  3. A Asemblea Xeral. Reunirase en sesión ordinaria anual para coñecer e deliberar sobre os plans e programas de actividades e aprobar a memoria de contas do exercicio.