25 anos da Biblia en galego

Biblia en galegoO Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades en Santiago de Compostela acolleu o 22 de decembro de 2014 a homenaxe aos tradutores da Biblia ao galego a partir dos textos e idiomas orixinais.

No acto participaron Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística,  Xavier Senín, presidente da Asociación de Tradutores Galegos, e tres membros do equipo de tradutores da Biblia: os dous coordinadores, Andrés Torres Queiruga e Xosé Fernández Lago, e mais Xesús Ferro Ruibal. O acto pechouse cun concerto do Grupo de Música tradicional da Agadic.

Ao longo do século XX, Vidán Torreira, Precedo Lafuente, Morente Torres ou Espiña Gamallo foron ofrecendo resultados parciais de tradución da Biblia ao galego, pero non foi ata o impulso ás linguas vernáculas na liturxia que supuxo o Concilio Vaticano II cando se abordou a tradución íntegra. Nos anos 80, cunha diferenza de cinco anos, saíron á luz dúas versións diferentes. A primeira é a de Avelino Gómez Ledo e Manuel Casado Nieto, que se completa en 4 volumes en 1984 da man da editorial Bibliófilos Galegos. A segunda, feita directamente dos orixinais hebreos, arameos e gregos, é obra dun equipo de teólogos e biblistas dirixidos por Xosé Fernández Lago e Andrés Torres Queiruga.

A Biblia publicouse nun volume único en 1989, da man da editorial SEPT e co apoio da Xunta de Galicia. No 1990 recibiu o Premio Nacional de Tradución e, esgotada a primeira edición en pouco máis de tres meses, reeditouse cunha revisión en 1992 e arestora está na súa terceira edición. A calidade da tradución reflectiuse na acollida do seu texto polas confesións cristiás de Galicia, recoñecéndose como a ‘Biblia en galego’ para católicos e protestantes.

Grazas ao impulso ao proxecto de tradución por parte da Editorial SEPT xunto co entusiasmo de Xaime Isla Couto e o liderado e coordinación de Alfonso Zulueta de Haz e Quico Domínguez facilitouse a culminación dun longo proceso de traballo de 25 anos que dotou á cultura galega dunha obra de valor universal.

 

Os comentarios están pechados.

» Mais novas da Fundación