Historia e misión
O 31 de decembro de 1987 Xaime Isla Couto, Cristina Novoa Pereira, Manuel Isla Couto e Celso Isla Couto constitúen a Fundación Isla Couto animados pola lembranza do seu finado irmán e cuñado Ramiro Isla Couto (1896-1987). Os seus anceios fundacionais inspiráronse nas que foran as angueiras básicas da vida de Ramiro Isla: o servizo a Galicia e o compromiso persoal coa recuperación da personalidade nacional e cultural galega.
O 30 de xuño de 1989 a Fundación Isla Couto é declarada e recoñecida pola Xunta de Galicia como fundación cultural privada e sen ánimo de lucro. O 1 de xullo de 1989 a Xunta de Galicia declara fundación de interese galego á Fundación Isla Couto (DOG nº 152 de 9 de agosto do 1989).
A Fundación establece os seguintes obxectivos como misión:
1. Colaborar coa Fundación Penzol, especialmente na dotación dunha biblioteca de ciencias humanas, de carácter interdisciplinar, ao servizo dos estudosos da realidade social e histórica de Galicia.
2. A creación dun Instituto Galego de Estudos Comunitarios (IGESCO) que sirva para suscitar a conciencia de comunidade no noso pais.
3. Axudar nas tarefas a prol da inculturación dos valores cristiáns na sociedade galega e, singularmente, no arraizamento e difusión da liturxia vernácula.