Economía e empresa

A familia Isla Couto amosouse moi activa no eido económico a través da participación na creación de empresas senlleiras para a industria básica galega, coma Zeltia ou Cementos del Noroeste. Neste labor, Fidel Isla Couto figura como un dos accionistas fundadores de Zeltia (1939), Cementos del Noroeste (1958) ou Gamasa (1963) xunto cos irmáns Fernández López. Nestas tres empresas Fidel Isla actuará como o seu conselleiro secretario.

1939 Logotipo de Zeltia

No caso de Zeltia, Fidel Isla Couto traballaba previamente no Instituto Bioquímico Miquel Servet de Vigo canda ao doutor e galeguista Ramón Obella Vidal. Trala Guerra Civil, xunto cos catro irmáns Fernández López, Ramón Obella, José Ruíz e Fernando Calvet fundará Zeltia sendo conselleiro e secretario do seu Consello.

Por outra banda, ao longo da súa vida Xaime Isla Couto actuará como letrado dos pequenos fabricantes de conservas, do Grupo provincial de rematantes e aserradores de madeiras españolas de Pontevedra así como de Zeltia, Cementos del Noroeste ou Gamasa. No ano 1995 asumiu a presidencia de Asociación de Investigación Metalúrxica do Noroeste (AIMEN).

Logotipo Galaxia

No eido da industria cultural galega, os irmáns Isla Couto foron accionistas fundadores da Editorial Galaxia no ano 1950. De feito, Xaime Isla foi o responsable da idea de constituír unha entidade mercantil rexida polo Código de Comercio que abrise un vieiro viable para a acción cultural dos galeguistas do interior. Posteriormente, no ano 1966 os irmáns participan na creación de SEPT (Seminario de Estudos, Publicacións e Traballos), editora responsable da promoción do galego na liturxia, da tradución da Biblia ao galego e do desenvolvemento dun pensamento e espiritualidade cristiá en galego.

1958. Revista de Economía de Galicia

1958. Revista de Economía de Galicia

Por outra banda, as inquedanzas no eido do economía tamén abrangueron a creación de instrumentos que promovesen o coñecemento da realidade económica de Galicia así como a introdución das correntes contemporáneas da ciencia económica, especialmente, no eido da Economía Rexional. No ano 1958, Xaime Isla Couto impulsa a creación da Revista de Economía de Galicia, a primeira revista en España de economía rexional, e no 1979 asume a dirección da Revista Galega de Estudos Agrarios. Por outra banda, impulsa a publicación dos volumes que integran desde 1956 a Biblioteca de Economía de Galaxia así como como a creación do Centro de Estudios Económico-Sociales del Noroeste dentro da Fundación Penzol.

Ao longo do seu maxisterio como profesor e catedrático de Economía de Empresa na Escola de Peritos Industriais de Vigo, Xaime Isla alentou o interese e vocación pola economía entre os seus alumnos, dando lugar ao feito singular de que un significativo número de peritos industriais formados en Vigo remataron dedicándose profesionalmente á economía.