Novo libro: Educar para a Cidadanía Global

Educar para a Cidadanía GlobalO mércores, 22 de outubro de 2014, a Fundación Isla Couto presentou publicamente o libro Educar para a cidadanía global: experiencias, ferramentas e discursos para o cambio social. O acto de presentación celebrouse na Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela (Praza de Mazarelos).

O acto contaou coas intervencións de:

  • María Dolores Álvarez. Vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social. USC.
  • Rafael Martínez, decano da Facultade de Filosofía. USC.
  • Paula Rojas, técnica de educación de EDUCO.
  • María Paz, vicepresidenta da Coordinadora Galega de ONGD.
  • Germán Vargas, profesor da Facultade de Ciencias da Educación. USC.
  • Xavier Martínez, padroeiro da Fundación Isla Couto.

Editado por José Luis Pastoriza Rozas, este libro colectivo recolle unha versión ampliada dos relatorios presentados nas I Xornadas Galegas de Educación para o Desenvolvemento, celebradas en outono de 2012 e organizadas pola Coordinadora Galega de ONGD, EDUCO, a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia e o Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC.

Nesta obra teñen colaborado docentes galegos e especialistas en educación para o desenvolvemento e cidadanía global de Galicia, España e Portugal que realizan unha presentación tanto das dificultades e logros na educación para a solidariedade e o cambio social como das principais ferramentas que poden retroalimentar reflexiva e criticamente a práctica educadora tanto en escolas como fóra delas. Por último, a sección discursos amplía os horizontes para unha exploración de novas liñas de traballo educativo en chave emancipadora, humanizadora e cosmopolitizadora.

O libro pódese descargar e consultar desde a nosa páxina web aquí

Con este libro colectivo a Fundación Isla Couto enceta a súa colección Construír a Terra coa que a Fundación quere ser fiel ao compromiso dos irmáns Ramiro e Xaime Isla Couto co espírito da utopía. Como galeguistas e patriotas de raíz proxectaron cara á nosa Terra local e cara á Terra global un soño compartido de transformación que construíse un espazo de convivencia entre persoas, comunidades, pobos e nacións máis humano, fraterno e liberador. A Fundación, como herdeira deste legado e vocación, quere contribuír a repensar, proxectar e facer Galicia mais integrando a visión europeísta e global que alentou a fío o pensamento e acción do Galeguismo.

Esta colección arela a que habitemos con lucidez e esperanza a nosa Terra común ofrecendo un espazo de irmandade e construción colectiva, de diálogo cordial e de proxectiva do futuro. Ao mesmo cás illas e estrelas que o Xaime Isla deseñou para a sección “Descubrimiento de Galicia” do xornal compostelán La Noche nos tempos da represión, esta colección ofrecerá un mar no que xermolen Illas Novas con espírito de liberdade, inconformismo e  compromiso coa emancipación.

Os comentarios están pechados.

» Mais novas da Fundación