A Fundación Isla Couto é unha fundación cultural privada de interese galego que ten por obxectivo manter viva a memoria do labor da familia Isla Couto a prol do desenvolvemento social, económico e cultural de Galicia.
A Fundación nace coa vontade de contribuír a “repensar Galicia, proxectar Galicia, facer Galicia” desde a afirmación da súa personalidade cultural e política mais desde a plena conciencia de que “Galicia é, foi e será obra de todos os galegos”, en verbas de Xaime Isla Couto.
Con este motivo a Fundación ten por obxectivo a través das súas actividades:
1. Servir de apoio e estímulo para o desenvolvemento social e cultural da sociedade galega.
2. Estimular unha sociedade civil galega participativa e crítica.
3. Actuar como unha plataforma para o debate e a xeración de coñecemento respecto da realidade galega.
4. Servir como lugar de encontro e foro de debate para todos aqueles que se atopan comprometidos no labor de construír unha comunidade máis autónoma e participativa desde unha perspectiva humanista cristiá.