Coleccións

PASTORIZA ROZAS, X.L (Ed.)., Xaime Isla Couto: raíz e utopía de GaliciaVigo, Fundación Isla Couto,Editorial Galaxia, 2015.

A Fundación Isla Couto en colaboración coa Editorial Galaxia, publica a fotobiografía “Xaime Isla: raíz e utopía de Galicia” na que se realiza por vez primeira unha presentación ampla da vida e obra de Xaime Isla Couto (Santiago de Compostela, 1915 – Vigo, 2012).

Académico, economista, profesor, soñador dunha Galicia nova nunha humanidade mellor, sementador de bibliotecas e conversas, emprendedor cultural infatigable… Esta fotobiografía desvela o compromiso vital e a imaxinación creativa do grande proxectista da Xeración Galaxia no centenario do seu nacemento.

A estrutura do libro desvela tanto a historia visible ou externa como a historia interna ou íntima de Xaime Isla. Tras dunha cronobiografía que escolma os feitos máis significados da súa existencia, por vez primeira axúntanse os textos que dedicou á familia, aos amigos e irmáns no galeguismo así como os escritos nos que puxo Galicia en obras na materialización da súa imaxinación creadora. Esta faciana externa da súa obra compleméntase cun capítulo dedicado a Xaime no espello, onde se fende a distancia do personaxe histórico para desvelar a sensibilidade do seu espírito, reflectido na ollada dos outros e de si mesmo, nun relato de intimidades. E a carón de Xaime, a presenza xenuína de Cristina, compañeira de vida no común espírito de doazón a Galicia.

Este libro pódese mercar aquí.

AGÍS VILLAVERDE, M., Crónica viva do pensamento galego. Edición revisada e ampliada. Vigo, Fundación Isla Couto, Galaxia, 2020.

Vinte anos despois da súa primeira edición, o catedrático de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela, Marcelino Agís Villaverde, agasállanos con esta segunda edición revisada e ampliada.

Cun prólogo de Xaime Isla Couto e un epílogo de Carlos Baliñas, mestres do autor, esta obra viu a luz co obxectivo de sensibilizar e levar ao gran público unha visión sintética e esencial do que foi a vida e a obra de figuras senlleiras da nosa historia cultural e do presente. Como afirma no limiar Xaime Isla, este é un libro “guiado por un talento didáctico exemplar, escrito cun estilo sinxelo, diáfano e atraente, sen pretensión erudita ou sistemática, e penetrado de quentura, humor e subxectividade; un libro ideal para iniciar e incitar ó coñecemento necesario dos nosos grandes pensadores”.

Este libro pódese mercar aquí.

AGÍS VILLAVERDE, M., Xaime Isla Couto. Entre o Galiza Ceibe e o Venceremos nós. Os feitos acaecidos na Misa de Rosalía 1969Vigo, Fundación Isla Couto-SEPT, 2019.

En coedición coa Editorial SEPT, o  libro Xaime Isla Couto: entre o Galiza Ceibe e o Venceremos Nós. Os feitos acaecidos na Misa de Rosalía 1969 da autoría do noso padroeiro e catedrático de Filosofía na USC, Marcelino Agís Villaverde, reconstrúe os sucesos acontecidos en 1969 ao remate da Misa de Rosalía en San Domingos de Bonaval en Compostela.

O libro está dividido en dúas partes. A primeira parte realiza unha miúda reconstrución da Misa de Rosalía e a loita pola liturxia en galego, mentres que a segunda parte reconstrúe os feitos acaecidos en 1969 o día de Galicia, 25 de xullo, á saída da Misa de Rosalía, cando Xaime Isla Couto foi detido pola policía franquista despois do canto do “Venceremos” e dos berros de “Viva Galiza Ceibe” e “Liberdades pra Galicia”. Con base na documentación conservada no Fondo Xaime Isla Couto do Arquivo da Fundación Isla Couto, o profesor Agís narra dos feitos acontecidos tanto á saída da Misa de Rosalía como o posterior axuizamento e condena de Xaime Isla polo Tribunal de Orden Público. Unha sentenza que sería anulada pola sala segunda do Tribunal Supremo nunha sentenza que afirmaba que o berro de “Viva Galiza Ceibe” non perturbara a paz cidadá.

O libro, editado en formato epub e pdf, e de acceso universal e gratuíto, pódese descargar e ler aquí:Xaime Isla Couto. Entre o Galiza Ceibe e o Venceremos Nós

Ou tamén neste enlace en issuu.com.

2014 Educar para a cidadanía global

PASTORIZA ROZAS, J.L. (Ed.). Educar para a cidadanía global. Experiencia, ferramentas e recursos para o cambio social. Vigo, Fundación Isla Couto, 2014.

A Fundación Isla Couto inaugura esta nova colección cun libro colectivo sobre a educación para a cidadanía global.

O libro recolle os relatorios ampliados presentados nas I Xornadas Galegas de Educación para o Desenvolvemento celebradas en Santiago de Compostela en outono de 2012.

O libro conta coa colaboración de docentes de centros educativos galegos implicados en labores de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global así como de profesionais e investigadores/as especializados a nivel técnico e profesional na construción dunha cidadanía global comprometida coa loita contra a pobreza e co cambio social positivo.

O libro pódese descargar gratuitamente en formato pdf  no seguinte enlace

Educar para a cidadanía global_FundacionIslaCouto_2014

2012 Deus no que eu creo

TORRES QUEIRUGA, A., Alguén así é o Deus en quen eu creo, Vigo, Fundación Isla Couto-Galaxia, 2012.

En coedición coa Fundación Isla Couto, Galaxia publica este ensaio no que o teólogo Andrés Torres Queiruga fai unha proposta positiva, coa tranquilidade de espírito e coa apertura que sempre caracterizou a súa obra, respecto da presenza da fe na nosa cultura.

Alguén así expresa a tensión íntima que caracteriza as expresións vivas da fe. Suxire a firmeza de fondo, a confianza que nunca falla. A súa unión dinámica co alguén apunta ao inacabamento da comprensión, ao ámbito sempre aberto do Misterio.

Empeza pola exposición directa e familiar do central na fe. Faino en dous capítulos: o primeiro, cunha linguaxe máis de anuncio que de fundamentación teolóxica; o segundo acode ao rexistro simbólico, buscando a forza suxestiva de catro metáforas luminosas. A parte segunda é xa de clara formulación teolóxica, con tres capítulos: o primeiro de fundamentación radical, apoiado na creación-por-amor; os outros dous explicitan dúas consecuencias de especial relevancia para unha comprensión consecuente da fe na cultura actual: o problema do mal e o da oración de petición. A última parte conclúe o camiño abordando cuestións de claro talante especulativo que, dende a soleira da filosofía, se achegan ás fronteiras do místico. Poden ser interesantes para o curioso lector ou a curiosa lectora, pero son perfectamente prescindibles para os que prefiran non se internar neses eidos.

Este libro pódese mercar aquí.

CAAMAÑO, X.M e CASTELAO, P (Eds.)., Repensar a teoloxía, recuperar o cristianismo. Homenaxe a Andrés Torres Queiruga Vigo, Fundación Isla Couto-Editorial Galaxia, 2012.

Este libro colectivo responde á intención de homenaxear o teólogo e filósofo Andrés Torres Queiruga por unha traxectoria dedicada á creación dunha obra viva, suxestiva e útil no eido dun pensamento universal que nunca deixou de ser galego.

Esta obra ten o seu xermolo nas Xornadas de Teoloxía, celebradas en Santiago de Compostela en outubro de 2010, promovidas pola Asociación Encrucillada, coincidindo con que Andrés Torres Queiruga alcanzou a idade da súa xubilación académica. O lema das xornadas foi Repensar a teoloxía. Recuperar o cristianismo. “Repensar” e “recuperar” son dous termos especialmente queridos polo noso homenaxeado, de forma que ocupan un destacado lugar nos principais títulos das súas obras máis coñecidas.

Aos participantes nestas xornadas propúxoselles falar sobre un determinado tema filosófico ou teolóxico tendo en conta o pensamento do profesor Queiruga nesa respectiva cuestión. Aquí publicamos a maioría dos relatorios das xornadas, así como colaboracións doutros autores que aceptaron sumarse á homenaxe a Torres Queiruga.

Este libro pódese mercar aquí.

2010 Camiñantes

AGÍS VILLAVERDE, M., Camiñantes. Un itinerario filosófico, Vigo, Galaxia, 2010.

Escrito coa clara conciencia do xardineiro que aspira a obter pequenos froitos, co mesmo valor do artesanal, este libro camiña cara ao que dende as orixes da filosofía foi o fin máis elevado para o home: a felicidade. Unha felicidade sostíbel, construída cos retallos fuxidíos dos momentos de dita.
Velaquí un libro que fala do home actual e do seu mundo. Da vida como camiño con encrucilladas. Encrucilladas que levan a filosofía actual a buscar na linguaxe unha nova forma de supervivencia. Unha modalidade de encontro no inestable conflito de interpretacións dos múltiples discursos sobre a realidade.Camiñantes aborda os problemas derivados da globalización, a violencia e a soidade do home contemporáneo.

Este libro pódese mercar aquí.

2010 Nós no mundo

RIOS, X., Nós no mundo. Unha política exterior para Galicia, Vigo, Galaxia, 2010.

O obxectivo deste libro é reflexionar sobre a necesidade de que Galicia tome conciencia da importancia do factor exterior e, dese xeito, aproveitar as oportunidades que brinda a mundialización para asegurar o progreso e o benestar.
A mundialización configura un novo escenario internacional que revoluciona o papel e as funcións dos estados clásicos. Neste libro ofrécese unha proposta que promove unha paradiplomacia activa para facer de Galicia unha célula de universalidade, plenamente adaptada aos tempos actuais.

Este libro pódese mercar aquí.

TORRES QUEIRUGA, A., Repensar o mal. Da poneroloxía á teodicea, Vigo, Galaxia, 2009

Desde un punto de vista teolóxico e, ao tempo, filosófico, este libro volve pensar o problema do mal como inevitabilidade. A intención deste libro é enfrontar o problema do mal en coherencia crítica coa cultura secular actual. Desenmascarar o malentendido no que incorren tanto os intentos filosóficos coma os teolóxicos ao manteren os antigos presupostos dun intervencionismo divino (ou demoníaco). Insistindo en que todo o mal nace do funcionamento autónomo do mundo e da liberdade, afirma a inevitabilidade do mal (poneroloxía).

Con instrumental crítico anovado, Torres Queiruga rompe o universo mítico de paraísos e demos e presenta así un Deus só pensable como Anti-mal.

Este libro pódese mercar aquí.

2001 Crónica viva do pensamento galego

AGÍS VILLAVERDE, M., Crónica viva do pensamento galego, Vigo, IGESCO-Galaxia, 2001

Este libro ten como principal obxectivo levar ao gran público unha visión sintética e esencial do que foi a vida e a obra de figuras senlleiras da nosa historia cultural. Como afirma no limiar Xaime Isla, este é un libro “guiado por un talento didáctico exemplar, escrito cun estilo sinxelo, diáfano e atraente, sen pretensión erudita ou sistemática, e penetrado de quentura, humor e subxectividade; un libro ideal para iniciar e incitar ó coñecemento necesario dos nosos grandes pensadores”.

Edición esgotada. Nova edición ampliada e revisada xa á venda aquí.

1999 Desenvolvemento comunitario local

BOUZADA FERNÁNDEZ, X.M (ed.), O desenvolvemento comunitario local. Un reto da sociedade civil. Elementos teóricos e metodolóxicos, Vigo, IGESCO-Galaxia, 1999.

Este libro reúne traballos que pretenden achegar desde a teoría e a metodoloxía, pero sobre todo desde as experiencias, elementos de reflexión sobre unha nova visión do local como ámbito posible para a iniciativa colectiva e as decisións anovadoras. Ademais, neste libro dáse conta de iniciativas de desenvolvemento comunitario levadas a cabo en Bretaña, Cataluña, Portugal e Galicia.

Este libro pódese mercar aquí.
1996 Redes Sociais e Conxuntos de AcciónBOUZADA FERNÁNDEZ, X.M. e LORENZO SUÁREZ, A., Redes sociais e conxunto de acción. Análise do movemento asociativo veciñal vigués, Vigo, IGESCO-Galaxia, 1996

Fundamentado nun traballo de campo diversificado e en profundidade, este libro introduce liñas de investigación metodoloxicamente novidosas, pois o movemento veciñal é analizado na perspectiva dos conxuntos de acción e, por outra banda, investígase a posición social do movemento mediante a aplicación dunha análise de redes sociais estratéxicas. O producto final é unha valiosa contribución ós estudios sociolóxicos galegos que bota luz sobre o complexo entramado asociativo vigués.

Este libro pódese mercar aquí.