Autores

AGÍS VILLAVERDE, Marcelino

Marcelino Agis

Marcelino Agis

Marcelino Agís Villaverde (Raxó, Poio, 1963) é catedrático de Filosofía na Universidade de Santiago de Compostela. Desenvolve a súa investigación no ámbito do pensamento contemporáneo e é autor, entre outros títulos, de Crónica viva do pensamento galego (2001), Paul Ricoeur: a força da razào compartida (2004), Camiñantes. Un itinerario filosófico (2010), Conocimiento y razón práctica: un recorrido por la filosofía de Paul Ricoeur (2012). É membro do Padroado da Fundación Isla Couto.

BOUZADA FERNÁNDEZ, Xan

Xan Bouzada

Xan Bouzada

Xan Bouzada Fernández (Lugo, 1951-Vigo, 2008). Doutor en Socioloxía, profesor na Universidade de Vigo e director do IGESCO. Publicou varios libros sobre a materia da súa especialidade centrados na realidade galega, como Escola, cultura e vida comunitaria nun concello galego: Moaña (1988), Mapa cultural de Galicia. A situación socio-cultural dos concellos galegos (1991) e O desenvolvemento comunitario local (1999). É autor tamén de Familia e comunidade (2002). Xunto a Anxo M. Lorenzo Suárez escribiu Redes sociais e conxuntos de acción (1996).

Incorporouse ao consello de redacción de Grial en 1989, na etapa que dirixiu Carlos Casares. Ao longo destes case vinte anos, participou activamente nos labores da revista con numerosas colaboracións, encargándose, ademais, da coordinación dos monográficos “Os dilemas da acción cultural” (n. 130, 1996), “Sobre a sociedade da cultura” (n.149, 2001), “Demografía galega, un devalo imparable?” (n.162, 2004), “Espazos da cultura” (168, 2005) e a súa derradeira colaboración na coordinación da sección “Desafíos da educación” (n. 177, 2008).

LORENZO SUÁREZ, Anxo M.

Anxo Lorenzo

Anxo Lorenzo

Anxo M. Lorenzo (Vigo,1964) é licenciado en Filoloxía Hispánica e doutor en Filoloxía pola Universidade Autónoma de Barcelona. É profesor do departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo desde 1992, onde é profesor titular de universidade deste 2000. Foi Secretario Xeral de Política Lingüística (2009-2012) e arestora é Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.

RÍOS, Xulio

Xulio Rios

Xulio Rios

Xulio Ríos (Moaña, 1958) é director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI). Licenciado en Dereito pola USC, é autor e coautor de máis dunha ducia de libros de temática internacional. Asiduo colaborador de diferentes medios como El País, La Vanguardia ou Diario El Correo, ademais de diversas revistas especializadas, dirixe Tempo Exterior. Revista galega de análise e estudos internacionais.

 

TORRES QUEIRUGA, Andrés

Andrés Torres Queiruga

Andrés Torres Queiruga

Andrés Torres Queiruga (Aguiño, 1940) é teólogo, académico da Real Academia Galega, membro do Consello da Cultura Galega e cofundador de Encrucillada. Revista galega de pensamento cristián. En 1986 recibiu o Premio de Ensaio da Crítica Galega e en 2003 o Premio Trasalba. Entre os seus libros destacan Recupera-la salvación (1977), A revelación de Deus na realización do home (1985), Repensar a creación (1996), Repensar a resurrección (2002), Para unha filosofía da saudade (2003) e Repensar o mal (2010).