Arte e deseño

Os irmáns Ramiro e Xaime Isla Couto practicaron a técnica do gravado en linóleo que empregaron tanto a nivel de ilustracións coma no deseño gráfico de logotipos ou cabeceiras de publicacións.

Ramiro Isla ilustrou cos seus gravados algúns números do xornal A Fouce (Bos Aires) e da revista Saudade. Verba galega das Américas (Caracas). Nesta técnica tamén deseñou a imaxe da sección “Idearium Galeguista” na revista Céltiga (Bos Aires).

Xaime Isla sobranceou como deseñador de logotipos como os da Editorial Galaxia, Fundación Penzol, SEPT ou da colección Illa Nova. Por outra banda, desenvolveu un activo traballo na diagramación de publicacións coma Guieiro. Outavoz patriótico da F.M.G (1935-1936), o Suplemento del Sábado do xornal La Noche (1949-1950), os cadernos da Colección Grial (1950-1952), a Revista de Economía de Galicia (1958) e Grial. Revista galega de Cultura (1963).

Unha das facetas máis prolíficas de Xaime Isla foi a de debuxante, onde practicou a cotío o debuxo, especialmente o retrato e a caricatura.