Fe e espiritualidade

Xurxo Lobato

Xaime Isla Couto por Xurxo Lobato

Malia que na súa mocidade Xaime Isla Couto amosou dúbidas en relación á súa fe e mesmo foi sancionado no Instituto de Vigo por asubiarlle ao bispo de Tui nunha visita ao colexio dos Maristas de Vigo, a súa vida sempre se caracterizou por unha fe profunda e unha activa militancia cristiá. De feito, será no 1932 en contacto con Labor Gallega en Pontevedra e da man de Filgueira Valverde e Iglesias Vilarelle cando recupere a práctica relixiosa e o activismo na vida católica organizada cunha fonda preocupación pola inculturación do catolicismo na realidade cultural e social galega.

A principal actuación de Xaime Isla neste eido materializouse a nivel editorial na creación de SEPT (Seminario de Estudos, Publicacións e Traballos) no 1966 como principal editora relixiosa do país, e a nivel institucional e eclesiástico na aprobación da liturxia en galego e na tradución ao galego da Biblia.

Logotipo Sept

1966. Editorial Sept

Xaime Isla actuou como un dos principais impulsores da liturxia en galego en colaboración senlleiramente con Domingo del Riego, Quico Domínguez, o Padre Seixas ou a Mocedade Galega Católica, entre outros. Esta promoción do galego na liturxia abrangueu toda unha serie de publicacións, desde a primeira edición do misal en galego no 1968 até a redacción e espallamento de Boa Nova e Badal, folliñas de difusión da liturxia dominical en galego. Como fito senlleiro deste proceso, o 25 de xullo de 1965 celebrouse a primeira eucaristía en galego presidida polo Padre Seixas co gallo da misa de Rosalía en Santo Domingos de Bonaval (Santiago de Compostela).

En colaboración con X. L. Fontenla Méndez entre finais do 1949 e principios do 1950 publicáronse no Suplemento del Sábado do xornal compostelán La Noche unhas primeiras traducións do evanxeo dominical acompañados de breves explicacións. No 1968 sae do prelo O Misal Galego co ritual dos Sacramentos e principáis oracións do fiel cristián en Galicianas Ediciós do Adro de SEPT.

Pro e contra da liturxia en galego

1980. Pro e contra da liturxia en galego Por mor dos cambios nos leccionarios e rituais como consecuencia do Concilio Vaticano II, será preciso realizar unha nova adaptación da liturxia ao galego e foi necesaria unha lenta e dura negociación coa xerarquía católica para acadar a aprobación do ritual, proceso que incluíu unha visita ao Cardeal Tarancón en Oviedo para axilizar os trámites en Roma. Finalmente, o 7 de xaneiro de 1969 o Consilium responsable da Reforma Litúrxica na Curia Romana aprobou o uso do galego na liturxia, aparecendo os leccionarios en galego no ano 1975.

Por outra banda, a editorial SEPT acolleu a publicación das principais obras dos teólogos galegos, como Andrés Torres Queiruga ou Pepe Chao Rego, a tradución dos principais documentos do Concilio Vaticano II, como a constitución pastoral Gaudium et Spes, publicada en galego como A eirexa no mundo actual, ou de encíclicas coma a Populorum Progressio.

A outra achega histórica de SEPT ao cristianismo en Galicia foi a tradución da Biblia ao galego. Trala publicación en Nadal do 1965 dunha primeira tradución de Manuel Espiña e Xosé Mourente dos Evanxeos publicados baixo o título A Palabra de Deus. Evanxelios, completados coa tradución dos Salmos de Alonso Estravís no 1967, foi preciso impulsar un amplo traballo colectivo co fin de acadar a primeira tradución completa da Biblia ao galego desde as linguas orixinais no ano 1989. Esta tradución recibiría o Premio Nacional de Tradución no ano 1990.

Conversas co Pai Seixas

1985. Conversas co Pai Seixas

A militancia cristiá crítica de Xaime Isla levouno a abandonar Acción Católica na posguerra e implicarse na dinamización da vida cristiá en Vigo participando na creación da Comunidade de Vida Cristiá Nosa Señora da Guía- Santiago Apóstolo xunto co Padre Seixas, na celebración pioneira da eucaristía en galego na igrexa das Trinitarias en Vigo ou na fundación de Galicia Social. Nos últimos anos da súa vida presidiu a Comisión Diocesana de Xustiza e Paz e ocupou o lugar do seu irmán Celso, tralo seu falecemento, na sección viguesa da Adoración Nocturna, na que retomou a súa infatigable promoción do galego na liturxia e na espiritualidade.

O seu compromiso e militancia fixérono merecente no 1986 do Memorial Xoán XXIII concedido polo Institut Víctor Seix de Polemologia de Cataluña en recoñecemento da “súa longa tarefa na defensa dos dereitos humanos enmarcados na realidade social e cultural galega”.

Xaime Isla integrou na Biblioteca de Humanidades da Fundación Isla Couto unha sección de Ciencias Relixiosas e Espiritualidade que conta con máis de 2.700 títulos.