Cultura

Os irmáns Isla Couto, especialmente Ramiro e Xaime, amosaron unha infatigable paixón polo emprendemento no eido da cultura, especialmente na promoción de asociacións, publicacións e editoras que fomentasen a creación cultural en galego e a reivindicación do galego como idioma de cultura. No seu traballo de recuperación da personalidade cultural galega, os irmáns Isla Couto apoiaron tanto economicamente coma co seu traballo e compromiso persoal unha ampla variedade de iniciativas, especialmente de carácter xornalístico, editorial e literario.

Durante a súa estadía como emigrante na Arxentina, Ramiro Isla formou parte da Asociación Cultural Gallega A Terra, creada no 1917 en Bos Aires como correspondente das Irmandades da Fala. No ano 1923 dirixirá a revista Terra. Idearium da ING n’América do Sul, unha revista de carácter intelectual e político, que quixo ser unha versión arxentina da revista Nós. Desta revista editáronse cinco exemplares entre xuño e outubro do 1923. Entre 1925 e 1926 colabora coa revista Céltiga coa sección “Idearium Galeguista” onde divulgou a Teoría do Nazonalismo de Vicente Risco, textos e poemas de Xaime Quintanilla, Vitoriano Taibo, a vida e obra de Peña Novo, ou o discurso de Porteiro Garea ao fundarse a Irmandade da Fala en Santiago de Compostela, entre outros. Posteriormente, Ramiro Isla figura nas principais sociedades culturais galeguistas que se crean na emigración arxentina: Sociedade d’Arte Pondal (1927) ou Peña Céltiga (1929). Singular valor ten a súa participación na Institución Cultural Gallega (1929) protectora do Seminario de Estudos Galegos, e do cal serán socios protectores tanto Ramiro como Fidel Isla. Antes do seu regreso a Galicia no Nadal do 1931 para participar na fundación do Partido Galeguista, Ramiro Isla colabora co xornal A Fouce (1930).

Trala Guerra Civil e no exilio mexicano e venezolano, Ramiro Isla formará en México parte do Grupo Saudade (1942) xunto con Carlos Velo ou Florencio Delgado Gurriarán, que editará a revista Saudade. Verba galega das Américas (1942-1952) e o Cancioneiro da loita galega (1943). En Venezuela colabora activamente con Xosé Velo e Silvio Santiago na creación da Casa de Galicia (1954) e na difusión da cultura galega coa organización da xeira de conferencias de D. Ramón Otero Pedrayo por Venezuela no 1956 e a edición dun libro de homenaxe a Otero Pedrayo no 1958. Por outra banda, desde a Casa de Galicia editarán a revista Galicia. Revista del Centro Gallego.

Xuntamente con este traballo literario, Ramiro Isla promoverá a edición en galego e a difusión do libro galego en Arxentina e Uruguai, distribuíndo as novidades editadas en Galicia por Nós ou Céltiga e apoiando economicamente aquelas iniciativas que tiñan por obxecto a difusión popular das obras dos principais escritores galegos. Tralo seu regreso a Galicia no 1957, Ramiro Isla colaborará activamente coa Fundación Penzol, sendo membro do seu Padroado e secretario do mesmo.

Xaime Isla recolle a xenética emprendedora do seu irmán Ramiro e desde novo amosará inquedanzas cara á promoción cultural e a defensa da cultura en galego. Con 14 anos crea no Instituto de Vigo a Asociación Escolar de Iniciación Cultural que se adhire á asemblea das Irmandades da Fala do 27 de abril de 1930 ou á homenaxe a Otero Pedrayo en Ourense de xuño de 1930. Tanto nesta asociación, coma nos agrupamentos Ultreya, nas Mocedades Galeguistas ou na Asociación de Estudantes de Maxisterio de Pontevedra, Xaime Isla promoverá unha actuación non só política senón tamén cultural recuncando na importancia de crear bibliotecas e seccións culturais que, a través do teatro, conferencias ou exposicións, divulgasen a cultura galega. Esta paixón polo libro galego xunto coa aposta pola difusión popular da cultura traducirase no futuro na creación da biblioteca de humanidades da Fundación Isla Couto á que Xaime Isla lega máis de 15.000 exemplares.

Trala desfeita humana e cultural da Guerra Civil, Xaime Isla seguirá profundando na necesidade de impulsar unha nacente industria cultural galega. Despois do tento fallido de creación de SEPT (Sociedad de Ediciones, Publicaciones y Traducciones) no ano 1946 xunto con Plácido Castro e Celso Collazo, no ano 1949 xorde a oportunidade de expresar a presenza cultural galega a través do Suplemento del Sábado do xornal La Noche.

1949 La Noche. Suplemento del Sábado

1949 La Noche. Suplemento del Sábado

Este suplemento representou unha oportunidade para divulgar a cultura galega logrando xunguir nun esforzo común ás voces silenciadas polo medo e pola represión franquista. Trala prohibición gubernativa de seguir editando o suplemento por mor da homenaxe feita nas súas páxinas a Castelao tralo seu pasamento en xaneiro de 1950, nese mesmo ano Xaime Isla promove a creación da Editorial Galaxia como sociedade mercantil. Xunto con Paco del Riego acadarán apoios dos galeguistas do interior e exterior e en xullo de 1950 celébrase a asemblea fundacional nos baixos do Hotel Compostela en Santiago de Compostela. Os irmáns Xaime, Fidel e Ramiro participan como accionistas fundadores e Xaime Isla será nomeado conselleiro delegado da nova editorial.

A Editorial Galaxia representará o esforzo colectivo galeguista no interior por desenvolver un proxecto político, cultural e económico que materializase nunha institución o labor a prol da recuperación da personalidade cultural de Galicia así como a súa transmisión ás novas xeracións. Tanto a Colección Grial, a Revista de Economía de Galicia ou a revista Grial exemplificaron o esforzo por reivindicar a cultura galega con conciencia de país.

No ano 1966, Xaime Isla impulsará a creación de SEPT (Seminario de Estudos, Publicacións e Traballos) que facilitará un fito histórico na cultura galega: a tradución ao galego da Biblia.

O amor pola música de Xaime Isla manifestouse polo seu impulso da publicación de discos en galego. No 1967 pídelle a Xosé Manuel Beiras e X.L. Franco Grande que adapten ao galego catro cancións, entre elas o espiritual We shall overcome, traducida como “Venceremos nós”. En colaboración con Edigsa editaranse dous EP baixo o selo Galaxia. O primeiro disco titulábase Luis Olivares canta en lingua galega e incluía os seguintes temas: Amor certo (True Love), Percura a rosa (Cherche la rose), Venceremos (We shall Overcome) e Se sai o sol (Quan surti el sol). O segundo disco da cantante catalana Jacinta incluía Estranos na noite (Strangers in the Night), Chámame (Call me), As túas mans (Las tevas mans), Setembre está lonxe (See you in Septembre). Neste selo discográfico publicaríanse sete EP, sendo semente do grupo de cantautores e canción protesta coñecido como Voces Ceibes.

Unha das principais achegas de Xaime Isla e da súa dona Cristina Novoa á literatura galega foi o mecenado dos novos valores literarios en galego entre os anos 1957 e 1974 a través da creación e financiamento da Colección Illa Nova na Editorial Galaxia. Nos seus 17 anos de andaina editorial a nova narrativa galega atopou unha canle de expresión, difusión e publicación que forneceu vocacións literarias e novas linguaxes narrativas en galego dos principais autores da literatura galega contemporánea: Méndez Ferrín, Xohana Torres, Franco Grande, Alfredo Conde, Carlos Casares, Xavier Alcalá, etc.

Obras publicadas na Colección Illa Nova (1ª xeira). De 1957 deica novembro do 1974

  1. Vieiro choído, de X. L. Franco Grande
  2. Do sulco, de Xohana Torres
  3. Percival e outras historias, de X. L. Méndez Ferrín
  4. Lonxe de nós e dentro, de Camilo G. Suárez Llanos
  5. O crepúsculo e as formigas, de X. L. Méndez Ferrín
  6. Vinte mil pesos crime, de Bernardino Graña
  7. Vicente Risco na cultura galega, de Ramón Lugrís
  8. Arrabaldo do norte, de X. L. Méndez Ferrín
  9. Xente no rodicio, de Xosé Neira Vilas
  10. A orella no buraco, de María Xosé Queizán
  11. Vento ferido, de Carlos Casares
  12. Camiño bretemoso, de Xosé Neira Vilas
  13. As ponlas baixas, de Vicente Vázquez Diéguez
  14. A torre de Babel, de Lois Diéguez
  15. Cambio en tres, de Carlos Casares
  16. Historias do 30 de febrero, de Emilio G. Rodríguez Fernández
  17. O paseo, de Xoán Xulio Alfaya
  18. Vixiando, de Xesús Manuel Coruxo
  19. Voltar, de Xavier Alcalá
  20. As calexas do cigurath, de Xavier Carro
  21. A evolución ideolóxica de M. Curros Enríquez, de Francisco Rodríguez
  22. A teima, de Carlos Durán
  23. Zardigot, de Euloxio R. Ruibal
  24. Mementos de vivos, de Alfredo Conde