Centenario do nacemento de Ramón Piñeiro (1915-2015)

Rúa Xelmírez 15, Santiago de Compostela. 31 de maio de 2015

Rúa Xelmírez 15, Santiago de Compostela. 31 de maio de 2015

A Fundación Isla Couto únese con ledicia á celebración do centenario de Ramón Piñeiro, amigo e irmán no galeguismo de Xaime Isla Couto.

Xaime Isla Couto salientou ao longo da súa vida, tanto na conversa coma no seu artigo “Ramón e Galaxia” -publicado no libro Homenaxe a Ramón Piñeiro (A Coruña, Fundación CaixaGalicia, 1991)-, que sen o compromiso, sacrificio e humildade de Ramón Piñeiro, o proxecto político, económico e cultural da Editorial Galaxia non tería acadado o éxito que obtivo na garantía da continuidade xeracional do galeguismo e na reivindicación da personalidade nacional, cultural e política de Galicia. Grazas ao labor paciente, inxente e activo de Ramón Piñeiro o galeguismo conquistou un lugar de prestixio a nivel cultural e converteu as súas reivindicacións políticas na base do autogoberno reconquistado trala Transición política.

O domingo 31 de maio, o mesmo día no que se fan cen anos do nacemento do intelectual e galeguista Ramón Piñeiro, a Consellería de Cultura e máis o concello de Santiago rendéronlle unha homenaxe. O número 15 da rúa Xelmírez de Santiago de Compostela, casa onde Ramón Piñeiro viviu desde os anos 50, loce desde ese mediodía a placa que o recoñece como “mestre do galeguismo”. No acto estiveron presentes diferentes personalidades do mundo da política e da cultura, entre eles o presidente e varios membros da Real Academia Galega, que destacaron a figura de Ramón Piñeiro filósofo, intelectual e político galeguista. O acto pechouse coa interpretación do himno galego.

 

Os comentarios están pechados.

» Mais novas da Fundación