A Fundación Penzol recibe a Medalla de Galicia

Alfonso Zulueta de Haz recibe a Medalla de Galicia en nome da Fundación Penzol

O martes, 29 de novembro de 2013, a Fundación Penzol recibiu na Cidade da Cultura de Galicia a Medalla de Galicia de mans do Presidente da Xunta de Galicia, D. Alberto Núñez Feijoo. O Presidente do Padroado da Fundación Penzol, D.Alfonso Zulueta de Haz recolleu emocionado este galardón lembrando con agarimo a xenerosidade e compromiso galeguista de Fermín e Blanca Penzol, así como a entrega pola causa de Galicia de Paco del Riego, Ramón Piñeiro e mais Xaime Isla Couto que contribuíron con paixón a que a Fundación represente hoxe en día un referente da identidade e da cultura galegas.

O acto de entrega do galardón reuniu aos actuais padroeiros da Fundación, membros da Real Academia Galega e a outros amigos galeguistas xunto cunha representación das institucións autonómicas como a Presidenta do Parlamento de Galicia, Dª Pilar Rojo, o presidente do Consello da Cultura, D. Ramón Villares ou o Delegado do Goberno en Galicia, D. Samuel Juárez. Os ex-presidentes da Xunta de Galicia, D. Emilio Pérez Touriño e D. Xerardo Fernández Albor, membro do Padroado da Fundación Penzol, asistiron ao acto.

O presidente do Goberno galego referiuse á Fundación Penzol como gardiá do espírito colectivo e destacou o seu labor para recuperalo e convertelo na memoria e no futuro de Galicia. “Premiamos, pois, a unha Fundación que desde hai medio século soubo manter o espírito colectivo. É certo que ese espírito xa existía nos galegos, pero velaí o seu traballo para recuperalo e convertelo na memoria e no futuro de Galicia”, afirmou, durante o acto de entrega da Medalla de Ouro de Galicia..

“Cando no 1963 foi creada a Fundación Penzol non corrían bos tempos para a nosa identidade. Tampouco era fácil daquela atopar luz naquela Negra Sombra. Os galegos eran depositarios dun tesouro que se quería manter silenciado. Faltaba, por iso, quen o recollese, lle desevoz e o enriquecese. Fixérono Francisco Fernández del Riego ou Ramón Piñeiro, entre outros, nun primeiro momento; e o seu testemuño foi recollido sempre por outros galeguistas ata chegar ao seu Padroado actual, con Alfonso Zulueta de Haz á cabeza”, lembrou.

O actou rematou coa interpretación do Himno galego e unha foto de familia.

Os comentarios están pechados.

» Mais novas da Fundación