50 aniversario da Revista Grial

50 aniversario de Grial

O pasado 10 de abril de 2014 reunímonos os amigos e amigas da revista GRIAL na Fundacion Novacaixagaicia, rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela para celebrar o 50 aniversario da publicación cultural decana de Galicia e unha das mais antigas de España nesta especialidade. Nas páxinas de GRIAL colaboraron algunhas das grandes personalidades históricas da cultura galega, mais hoxe afrontámonos sobre todo aos desafíos do futuro.
Non quixo faltar ninguén. E o auditorio da Fundación Novacaixagalicia de Santiago ficou pequeno para dar cabida aos amigos e amigas que quixeron compartir coa revista GRIAL a celebración do seu medio século de existencia. Os codirectores, Víctor F. Freixanes e Henrique Monteagudo abriron e pecharon un acto conducido pola escritora e xornalista María Solar, que foi dando paso aos moitos convidados que deitaron as súas reflexións sobre a revista decana da cultura galega que, como Freixanes e Monteagudo lembraron, resiste porque ten “uns alicerces moi fortes e elevados, os dos fundadores” pero que quere navegar tamén nas augas do século XXI.
O acto, emotivo e intenso, tivo como derradeiro convidado ao uso da palabra a un dos autores que participou no número 3 da publicación (prohibida logo polo franquismo), un Xesús Alonso Montero que explicou que aínda que el non cre nos milagres, “é obvio que a existencia e a persistencia de GRIAL é unha milagre”.
Dende a pantalla de vídeo fóronse escoitando as distintas adhesións dende distintos lugares do mundo. Unha das grandes vocacións de GRIAL foi sempre a súa universalidade, a vocación integradora de todas as ciencias, traer aos grandes investigadores e humanistas ás súas páxinas. Por iso era necesario escoitar as voces de moitas e moitos colaboradores da revista espallados polo mundo. Dende un Tavanni que dende Roma contaba que estivera o seu nome no número 1, logo no 100 e agora no 200, a un Basilio Losada que contaba como nos primeiros anos esperaba con ansiedade a saída de GRIAL, “a mesma ansiedade con que a espero agora”, a unha Valéria Gil dende Brasil, Débora Campos en Bos Aires e outras moitas e moitos que non quixeron deixar pasar a oportunidade de darlle os parabéns á nosa revista.
Protagonismo especial tiveron os colaboradores máis mozos da revista, que tamén tomaron a palabra. Como ben explicou Víctor F. Freixanes, a idea é que as novas xeracións poidan coller no seu día o relevo. María López Sandez (ensaísta, narradora, Premio Ramón Piñeiro de ensaio e Premio de novela Repsol), Xurxo Martínez (historiador da literatura, a edición e o xornalismo do Rexurdimento), Iolanda Casal (xornalista) e Antonio García Fernández (arquitecto, editor e profesor) deixáronnos verbas de agarimo, pero tamén interesantes reflexións para o futuro.
Rematado este acto (do que aquí deixamos cumprida galería fotográfica; clica sobre a imaxe para ampliar) queda aboiando no aire a fermosa sensación de que a pesar das dificultades, en medio século, xuntámonos de novo para seguir soprando nas velas de GRIAL.

Nova no blogue da Editorial Galaxia: ler

Nova en La Voz de Galicia: ler

Entrevista a Henrique Monteagudo, codirector de Grial, en praza.com: ler

Nova no Diario Cultural da Radio Galega con entrevista a Víctor Freixanes, director da Editorial Galaxia e codirector de Grial: escoitar

Os comentarios están pechados.

» Mais novas da Fundación